Archivo de la etiqueta: movilidad

Traballando na medición do impacto do noso proxecto

A semana pasada reunímonos no Equipo de dinamización de programas europeos do centro cun dobre propósito:

1º) establecer as medidas e instrumentos de avaliación de resultados e medición do impacto do noso proxecto en curso.

2º) sentar as bases para a solicitude dun novo proxecto de mobilidade de profesorado de adultos KA104.

Reuin-Impacto2

No primeiro caso, fixemos un traballo moi interesante de reflexión acerca dos obxectivos que propoñíamos no comezo do proxecto e os logros que ata o momento temos acadado. Para iso traballamos primeiro en grupiños pequenos e despois fixemos unha posta en común. Resultounos moi útil a ferramenta Impact+ que propón a axencia nacional do Reino Unido. O seu uso é totalmente recomendable; ademáis hai unha versión dos materiais dispoñible en español.

impactplus

Doutra banda, comezamos tamén a tomar decisións para redactar a solicitude dun novo proxecto de mobilidade para a formación do profesorado de persoas adultas (KA104) na convocatoria 2020, publicada recentemente polo SEPIE. Estamos moi ilusionados coas ideas que xurdiron nesta xuntanza e moi pronto poñerémonos mans á obra!

Máis experiencias de posta en común

Seguimos a celebrar reunións de posta en común dos coñecementos adquiridos nas mobilidades. Nesta ocasión, aprendimos estratexias para levar a cabo a dixitalización da nosa escola dun xeito máis satisfactorio. Foi da man da nosa compañeira Patricia Ares, quen fixo unha mobilidade en Utrecht, nos Países Baixos, hai uns meses. Alí asistiu ao curso “Digital turn: How to make your school more digital”. A súa experiencia deunos ideas sobre o emprego de dispositivos móbiles, protocolos de seguridade dixital, escenarios innovadores, e apoio e formación do profesorado.

IMG-7481

Da nosa compañeira Teresa Moralejo aprendimos moito sobre soft skills. Neste caso, ela fixo un curso estruturado en Boloña (Italia) titulado “Soft skills for education staff”. A través dela coñecimos estratexias prácticas para mellorar a coordinación de reunións, a xestión de equipos e a resolución de conflitos. Sen dúbida, as súas aportacións vannos ser moi útiles.

IMG-7480

E para rematar, ao noso compañeiro Andrés Temprano contounos a súa experiencia de estadía de observación en Braga (Portugal). Neste caso visitou o Instituto de Letras e Ciencias Humanas da Universidade do Minho, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os modelos de ensino non presencial e familiarizarse coas ferramentas, estratexias e técnicas necesarias para por en marcha un curso nesta modalidade. A mobilidade serviu tamén para reforzar o contacto con esta universidade coa que vimos colaborando dende hai tempo.

Unha vez máis, esta posta en común foi unha sesión enriquecedora e de gran utilidade para o noso centro.

Paul Herron publica as súas reflexións sobre o curso estruturado “Introducindo a aprendizaxe baseada en proxectos na aula”, en Bologna

O profesor de inglés Paul Herron está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Boloña, onde asiste ao curso impartido en inglés “Introducindo a aprendizaxe baseada en proxectos” (Introducing Project Based Learning in the Classroom).

Paul faranos partícipes da súa experiencia Erasmus + mediante o noso vídeo panel Flipgrid Erasmus+ da EOI onde compartirá as súas reflexións dos aspectos do curso que considera máis salientables, facendo especial fincapé na súa aplicación na aula de linguas nas EEOOII.  Como xa se fixo noutras mobilidades, toda a nosa comunidade educativa está invitada a visualizar os seus vídeos onde comparte o seu percorrido diario no curso e de responder a eles mediante os seus propios vídeos.

Animádevos a participar!

Podedes acceder directamente ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón.

Carla Dechant comparte as súas reflexións in situ no curso estruturado “A aprendizaxe baseada no xogo e a Gamificación”, en Praga

Dende o 18 até o 22 de marzo, a profesora de inglés Carla Dechant está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Praga, onde asiste ao curso impartido en inglés “A aprendizaxe baseada no xogo e a gamificación” (Game-Based Learning and Gamification)

Cada día, Carla vai compartir as súas reflexións sobre os aspectos máis salientables dos contidos do curso e á súa aplicación na aula de linguas.  Isto farano mediante vídeos breves no Flipgrid Erasmus+ da EOI que recolle algunhas das experiencias dos nosos profesores participantes no programa Erasmus +  Así mesmo, Carla animará a toda a comunidade educativa a que participemos e sigamos o seu día a día visualizando os seus vídeos e respondendo mediante as nosas propias video-respostas.

Podedes acceder directamente ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón o na imaxe abaixo. 

Comparte o día a día de Ana Losada no curso estruturado “Os 4 Cs”, en Florencia

Dende o 25 de febreiro até o 3 de marzo, a profesora de inglés Ana Losada está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Florencia, onde vai asistir o curso impartido en inglés “Os 4 Cs:  Creatividade, Pensamento Crítico, Comunicación e Colaboración nas escolas”.

Ao longo do curso, Ana vai compartir as súas reflexións sobre os contidos impartidos e a súa aplicación na aula mediante vídeos breves (en inglés e en español) en Flipgrid. Así mesmo, invitará os demáis participantes no curso a facer o mesmo. Deste xeito, toda a nosa comunidade educativa pode participar no curso ao seguir o seu día a día e responderlle a ela. Podedes acceder ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón: “The 4 Cs (Florence)”Captura


 

Aprendendo italiano en Florencia (Italia)

Trabajo de grupo2O noso compañeiro Roland Wenzel, do departamento de alemán, tivo a oportunidade de participar nun curso de italiano de nivel básico na bonita cidade italiana de Florencia. Invitámosvos a seguir lendo para coñecer os detalles da súa actividade.

Tipo de mobilidade: Evento formativo
Título da actividade: Curso intensivo de italiano nivel básico
Institución de acollida: Europass
Lugar de celebración: Florencia (Italia)
Duración: 2 semanas

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Foi un curso intensivo de italiano de nivel básico (A1) de dúas semanas de duración. Tivo lugar nunha escola de ensino de italiano no centro de Florencia (Europass, Firenze), que organiza tamén cursos de Erasmus+, didáctica, etc, actividades culturais, sobre arte do renacemento, de cociña italiana, excursións na Toscana…

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
O aspecto máis positivo para min foi o feito de atoparme na situación dun alumno de básico 1 sen coñecementos. Vivir a aprendizaxe dunha lingua descoñecida como principiante absoluto. Ver de preto como un profesor con profesionalidade e personalidade crea un ambiente de confianza, transmite coñecementos a un grupo multicultural de alumnos de disposicións distintas e (case) consegue que en dúas semanas a lingua de comunicación entre os participantes pase do inglés ao italiano. Coñecer xente de diferentes culturas. Vivir inmerso no entorno italiano.

Que cres que podería mellorar?
Non vexo o que podería mellorar.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
É unha experiencia positiva que non esquecerán. Que non o pensen dúas veces. Seguro que a preparación da mobilidade, da viaxe mesma, os vóos, os transportes, etc. serán compensados con creces pola satisfacción de atoparse nun entorno novo e animador que renova a nosa disposición e mellora a nosa preparación para exercer o noso traballo como docentes con maior motivación.

Descubrindo novos enfoques para a aula comunicativa en Londres (Reino Unido)

languageinlondonNesta ocasión, a nosa compañeira Isabel Doviso, do departamento de inglés na sección de Negreira gozou da súa mobilidade en Londres. Estes son os detalles da súa formación:

Tipo de mobilidade: Evento formativo
Título da actividade: Practical Approaches and Activities for the Contemporary Communicative English Language Classroom
Institución de acollida: Language in London
Lugar de celebración: Londres (Reino Unido)
Duración: 2 semanas

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
A mobilidade consistiu nun curso de dúas semanas de duración nunha escola privada de Londres. O título é “Enfoques prácticos e actividades para a clase de inglés comunicativa contemporánea” e os contidos incluiron metodoloxía do ensino do inglés, actividades, novas tecnoloxías, memoria e dificultades de aprendizaxe. Tamén houbo unha observación dunha clase e tivo en xeral un carácter práctico.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
O máis positivo foron os contidos do curso, a estancia nun país de fala inglesa e a oportunidade de practicar a lingua.

Que cres que podería mellorar?
A distribución dos contidos no tempo do curso. Algunhas actividades tiveron pouco tempo para o seu desenrolo.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
É posible que a actividade se realice con poucos participantes, no meu caso eramos dúas persoas.