Archivo de la etiqueta: movilidad de profesorado

Traballando na medición do impacto do noso proxecto

A semana pasada reunímonos no Equipo de dinamización de programas europeos do centro cun dobre propósito:

1º) establecer as medidas e instrumentos de avaliación de resultados e medición do impacto do noso proxecto en curso.

2º) sentar as bases para a solicitude dun novo proxecto de mobilidade de profesorado de adultos KA104.

Reuin-Impacto2

No primeiro caso, fixemos un traballo moi interesante de reflexión acerca dos obxectivos que propoñíamos no comezo do proxecto e os logros que ata o momento temos acadado. Para iso traballamos primeiro en grupiños pequenos e despois fixemos unha posta en común. Resultounos moi útil a ferramenta Impact+ que propón a axencia nacional do Reino Unido. O seu uso é totalmente recomendable; ademáis hai unha versión dos materiais dispoñible en español.

impactplus

Doutra banda, comezamos tamén a tomar decisións para redactar a solicitude dun novo proxecto de mobilidade para a formación do profesorado de persoas adultas (KA104) na convocatoria 2020, publicada recentemente polo SEPIE. Estamos moi ilusionados coas ideas que xurdiron nesta xuntanza e moi pronto poñerémonos mans á obra!

Anuncio publicitario

Máis experiencias de posta en común

Seguimos a celebrar reunións de posta en común dos coñecementos adquiridos nas mobilidades. Nesta ocasión, aprendimos estratexias para levar a cabo a dixitalización da nosa escola dun xeito máis satisfactorio. Foi da man da nosa compañeira Patricia Ares, quen fixo unha mobilidade en Utrecht, nos Países Baixos, hai uns meses. Alí asistiu ao curso «Digital turn: How to make your school more digital». A súa experiencia deunos ideas sobre o emprego de dispositivos móbiles, protocolos de seguridade dixital, escenarios innovadores, e apoio e formación do profesorado.

IMG-7481

Da nosa compañeira Teresa Moralejo aprendimos moito sobre soft skills. Neste caso, ela fixo un curso estruturado en Boloña (Italia) titulado «Soft skills for education staff». A través dela coñecimos estratexias prácticas para mellorar a coordinación de reunións, a xestión de equipos e a resolución de conflitos. Sen dúbida, as súas aportacións vannos ser moi útiles.

IMG-7480

E para rematar, ao noso compañeiro Andrés Temprano contounos a súa experiencia de estadía de observación en Braga (Portugal). Neste caso visitou o Instituto de Letras e Ciencias Humanas da Universidade do Minho, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os modelos de ensino non presencial e familiarizarse coas ferramentas, estratexias e técnicas necesarias para por en marcha un curso nesta modalidade. A mobilidade serviu tamén para reforzar o contacto con esta universidade coa que vimos colaborando dende hai tempo.

Unha vez máis, esta posta en común foi unha sesión enriquecedora e de gran utilidade para o noso centro.

Paul Herron publica as súas reflexións sobre o curso estruturado «Introducindo a aprendizaxe baseada en proxectos na aula», en Bologna

O profesor de inglés Paul Herron está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Boloña, onde asiste ao curso impartido en inglés “Introducindo a aprendizaxe baseada en proxectos” (Introducing Project Based Learning in the Classroom).

Paul faranos partícipes da súa experiencia Erasmus + mediante o noso vídeo panel Flipgrid Erasmus+ da EOI onde compartirá as súas reflexións dos aspectos do curso que considera máis salientables, facendo especial fincapé na súa aplicación na aula de linguas nas EEOOII.  Como xa se fixo noutras mobilidades, toda a nosa comunidade educativa está invitada a visualizar os seus vídeos onde comparte o seu percorrido diario no curso e de responder a eles mediante os seus propios vídeos.

Animádevos a participar!

Podedes acceder directamente ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón.

Carla Dechant comparte as súas reflexións in situ no curso estruturado “A aprendizaxe baseada no xogo e a Gamificación”, en Praga

Dende o 18 até o 22 de marzo, a profesora de inglés Carla Dechant está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Praga, onde asiste ao curso impartido en inglés “A aprendizaxe baseada no xogo e a gamificación” (Game-Based Learning and Gamification)

Cada día, Carla vai compartir as súas reflexións sobre os aspectos máis salientables dos contidos do curso e á súa aplicación na aula de linguas.  Isto farano mediante vídeos breves no Flipgrid Erasmus+ da EOI que recolle algunhas das experiencias dos nosos profesores participantes no programa Erasmus +  Así mesmo, Carla animará a toda a comunidade educativa a que participemos e sigamos o seu día a día visualizando os seus vídeos e respondendo mediante as nosas propias video-respostas.

Podedes acceder directamente ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón o na imaxe abaixo. 

Comparte o día a día de Ana Losada no curso estruturado «Os 4 Cs», en Florencia

Dende o 25 de febreiro até o 3 de marzo, a profesora de inglés Ana Losada está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Florencia, onde vai asistir o curso impartido en inglés «Os 4 Cs:  Creatividade, Pensamento Crítico, Comunicación e Colaboración nas escolas».

Ao longo do curso, Ana vai compartir as súas reflexións sobre os contidos impartidos e a súa aplicación na aula mediante vídeos breves (en inglés e en español) en Flipgrid. Así mesmo, invitará os demáis participantes no curso a facer o mesmo. Deste xeito, toda a nosa comunidade educativa pode participar no curso ao seguir o seu día a día e responderlle a ela. Podedes acceder ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón: «The 4 Cs (Florence)»Captura


 

A EOI de Santiago acada unha axuda de 29.748€ para o seu novo proxecto Erasmus+ 2018-2020

O importe axudicado para realizar o seu Plan de Desenvolvemento Europeo (PDE) para a mobilidade do persoal docente corresponde a 17 mobilidades repartidas entre 11 cursos estruturados.

O proxecto, titulado Haciendo realidad la escuela del futuro: innovación, inclusión y calidad, enmárcase dentro da acción KA104 de mobilidade para a formación do profesorado de adultos, e desenvolverase ao longo dos vindeiros dous anos. Podedes consultar todos os detalles nesta infografía:

infografia

Aprendendo italiano en Florencia (Italia)

Trabajo de grupo2O noso compañeiro Roland Wenzel, do departamento de alemán, tivo a oportunidade de participar nun curso de italiano de nivel básico na bonita cidade italiana de Florencia. Invitámosvos a seguir lendo para coñecer os detalles da súa actividade.

Tipo de mobilidade: Evento formativo
Título da actividade: Curso intensivo de italiano nivel básico
Institución de acollida: Europass
Lugar de celebración: Florencia (Italia)
Duración: 2 semanas

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Foi un curso intensivo de italiano de nivel básico (A1) de dúas semanas de duración. Tivo lugar nunha escola de ensino de italiano no centro de Florencia (Europass, Firenze), que organiza tamén cursos de Erasmus+, didáctica, etc, actividades culturais, sobre arte do renacemento, de cociña italiana, excursións na Toscana…

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
O aspecto máis positivo para min foi o feito de atoparme na situación dun alumno de básico 1 sen coñecementos. Vivir a aprendizaxe dunha lingua descoñecida como principiante absoluto. Ver de preto como un profesor con profesionalidade e personalidade crea un ambiente de confianza, transmite coñecementos a un grupo multicultural de alumnos de disposicións distintas e (case) consegue que en dúas semanas a lingua de comunicación entre os participantes pase do inglés ao italiano. Coñecer xente de diferentes culturas. Vivir inmerso no entorno italiano.

Que cres que podería mellorar?
Non vexo o que podería mellorar.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
É unha experiencia positiva que non esquecerán. Que non o pensen dúas veces. Seguro que a preparación da mobilidade, da viaxe mesma, os vóos, os transportes, etc. serán compensados con creces pola satisfacción de atoparse nun entorno novo e animador que renova a nosa disposición e mellora a nosa preparación para exercer o noso traballo como docentes con maior motivación.

Descubrindo novos enfoques para a aula comunicativa en Londres (Reino Unido)

languageinlondonNesta ocasión, a nosa compañeira Isabel Doviso, do departamento de inglés na sección de Negreira gozou da súa mobilidade en Londres. Estes son os detalles da súa formación:

Tipo de mobilidade: Evento formativo
Título da actividade: Practical Approaches and Activities for the Contemporary Communicative English Language Classroom
Institución de acollida: Language in London
Lugar de celebración: Londres (Reino Unido)
Duración: 2 semanas

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
A mobilidade consistiu nun curso de dúas semanas de duración nunha escola privada de Londres. O título é «Enfoques prácticos e actividades para a clase de inglés comunicativa contemporánea» e os contidos incluiron metodoloxía do ensino do inglés, actividades, novas tecnoloxías, memoria e dificultades de aprendizaxe. Tamén houbo unha observación dunha clase e tivo en xeral un carácter práctico.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
O máis positivo foron os contidos do curso, a estancia nun país de fala inglesa e a oportunidade de practicar a lingua.

Que cres que podería mellorar?
A distribución dos contidos no tempo do curso. Algunhas actividades tiveron pouco tempo para o seu desenrolo.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
É posible que a actividade se realice con poucos participantes, no meu caso eramos dúas persoas.

Falando sobre o inglés como lingua adicional en Antalya (Turquía)

GlobalELTO noso compañeiro Paul Herron, do departamento de inglés na sección de Ordes, asistiu hai uns meses ao congreso internacional GlobELT 2015 en Antalya (Turquía). Velaquí ás súas impresións sobre a experiencia.

Tipo de mobilidade: Evento formativo
Título da actividade: GlobELT 2015 – An International Conference on Teaching and Learning English as an Additional Language
Institución de acollida: Hacettepe University
Lugar de celebración: Antalya (Turquía)
Duración: 4 días

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
O congreso tivo lugar entre os días 16 e 19 de abril 2015 e tratou o tema do inglés como lingua adicional, tanto no seu vertente teórico como seu lado práctico. Asistín ás ponencias que me parecían máis interesantes. Houbo 160 ponencias en catro días, en sesións continuas de mañá e tarde, comezando ás 9:00 e rematando ás 18:00 horas. Organizaron, ademais, algunhas actividades culturais como unha saída para ver a orquestra sinfónica de Ankara.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
O mellor, sen lugar a dúbidas, son os contactos que fixen durante o congreso. Había profesionais de países moi diversos (Irán, Pakistán, Argelia, Rusía, Alemaña, Canada, etc.) e foi interesante conhecer os seus puntos de vista, ver como se estaba impartindo inglés nos seus respectivos países, e intercambiar impresións con eles. Espero poder facer algunha colaboración coa xente que coñecín.

Que cres que podería mellorar?
No meu parecer o congreso foi demasiado ambicioso. Houbo 160 ponencias en catro días e o tempo dedicado a cada ponencia foi de 15 minutos, é dicir, moi escaso. De feito, a casi todos os relatores resultoulles difícil cumprir co tempo estipulado, e para os asistentes iso resultó tamén agotador. Nun día cheguei a ver 8 ponencias. Demasiado para a miña capacidade de retención. Tería preferido menos sesións de máis duración.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Que a fagan por suposto. Só o feito de viaxar é enriquecedor. Saír das rutinas de clase para formarse é un privilexio que non podemos ignorar. Volves como outra persoa, renovada e motivada, con novas ideas na cabeza. Este tipo de actividade debe ser obrigatorio e non opcional porque che obriga a saír da túa zona de confort e encontrarte con novas realidades do que está pasando alí fora, coñecementos e competencias que son necesarios para desempeñar as funcións de profesor nun mundo globalizado.

Coñecendo as últimas novidades en Mobile learning en Madeira (Portugal)

mobilelearningO director do centro, Gonzalo Constenla, ven de rematar a súa mobilidade en Madeira (Portugal), un congreso internacional que se converteu nun foro para a presentación e debate das últimas investigacións sobre a aprendizaxe con dispositivos móbiles (ML), e que ilustraron o estado da cuestión en todo o mundo.

Tipo de mobilidade: evento formativo
Título da actividade: XI International Conference on Mobile Learning
Institución de acollida: International Association for Development of the Information Society
Lugar de celebración: Madeira (Portugal)
Duración: 3 días

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Asistín ao XI International Conference on Mobile Learning. No programa do congreso incluíronse 10 ponencias, 11 relatorios, 5 pósters e catro conferencias, autoría de 65 investigadores procedentes de 23 países. Todos estes traballos están recollidos nunhas actas do congreso que se nos proporcionaron a todos os asistentes e que fican a disposición de todo o profesorado que quixer consultalas.

En todas as sesións, e tras as correspondentes presentacións por parte dos relatores, todos os asistentes tivemos a oportunidade de participar en debates sobre cada un dos aspectos tratados, entre eles: a nube e a ML; teorías, modelos e enfoques pedagóxicos para o ML; o ML en e a través de contextos formais e informais; integración do ML en escenarios educativos máis amplos; contexto sociocultural e implicacións para o ML; avaliación do ML; enfoques innovadores en ML ou ferramentas tecnolóxicas e plataformas para o ML.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Como máis positivo destaco a posibilidade de coñecer de primeira mao a situación do uso dos dispositivos móbiles nos procesos de ensino-aprendizaxe en moitos países do mundo. Aínda que o enfoque era eminentemente académico, os relatores proporcionaron datos moi interesantes e actuais sobre o tema, e o contacto directo cos autores permitiu unha participación activa no mesmo e un esclarecimento das dúbidas suscitadas.

Foi tamén positivo ter a oportunidade de dar a coñecer as características das escolas oficiais de idiomas e o uso das novas tecnoloxías que empregamos no noso centro, así como os contactos persoais con profesorado e especialistas na materia.

Que cres que podería mellorar?
Como tiven a oportunidade de transmitir ao comité organizador, estimo que todas as conferencias, ponencias, relatorios e pósters deberían estar centrados exclusivamente na chamada aprendizaxe móbil, pois algúns deles trataron do uso de dispositivos móbiles noutros campos diferentes da aprendizaxe (turismo, uso de programas para creación de apps non educativas, xestión, etc).

Así mesmo, creo que a organización debeu ter proporcionado un programa provisional, cun resumo das intervencións, previos ao proceso de matriculación.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Si.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Animo a todo o profesorado do centro a participar nun proxecto Erasmus+ de mobilidade tan ambicioso como o noso, que se presenta como unha grande oportunidade, quizá irrepetíbel, de formación, internacionalización e mellora da nosa docencia.

O impacto máis inmediato que teñen estas mobilidades é o directo e persoal, tanto en termos de interculturalidade como no ámbito máis estritamente profesional, de mellora das capacidades tecnolóxicas no ámbito de ensino das linguas, e a actualización dos coñecementos e prácticas pedagóxicas, metodolóxicas e docentes. Pero o impacto vai alén do estritamente particular e ten unha transmisión directa para todo o profesorado, o alumnado e a escola no seu conxunto, que se ve beneficiada polo fomento da súa dimensión internacional.