O director do centro, Gonzalo Constenla, ven de rematar a súa mobilidade en Madeira (Portugal), un congreso internacional que se converteu nun foro para a presentación e debate das últimas investigacións sobre a aprendizaxe con dispositivos móbiles (ML), e que ilustraron o estado da cuestión en todo o mundo.
Tipo de mobilidade: evento formativo
Título da actividade: XI International Conference on Mobile Learning
Institución de acollida: International Association for Development of the Information Society
Lugar de celebración: Madeira (Portugal)
Duración: 3 días
Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Asistín ao XI International Conference on Mobile Learning. No programa do congreso incluíronse 10 ponencias, 11 relatorios, 5 pósters e catro conferencias, autoría de 65 investigadores procedentes de 23 países. Todos estes traballos están recollidos nunhas actas do congreso que se nos proporcionaron a todos os asistentes e que fican a disposición de todo o profesorado que quixer consultalas.
En todas as sesións, e tras as correspondentes presentacións por parte dos relatores, todos os asistentes tivemos a oportunidade de participar en debates sobre cada un dos aspectos tratados, entre eles: a nube e a ML; teorías, modelos e enfoques pedagóxicos para o ML; o ML en e a través de contextos formais e informais; integración do ML en escenarios educativos máis amplos; contexto sociocultural e implicacións para o ML; avaliación do ML; enfoques innovadores en ML ou ferramentas tecnolóxicas e plataformas para o ML.
Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Como máis positivo destaco a posibilidade de coñecer de primeira mao a situación do uso dos dispositivos móbiles nos procesos de ensino-aprendizaxe en moitos países do mundo. Aínda que o enfoque era eminentemente académico, os relatores proporcionaron datos moi interesantes e actuais sobre o tema, e o contacto directo cos autores permitiu unha participación activa no mesmo e un esclarecimento das dúbidas suscitadas.
Foi tamén positivo ter a oportunidade de dar a coñecer as características das escolas oficiais de idiomas e o uso das novas tecnoloxías que empregamos no noso centro, así como os contactos persoais con profesorado e especialistas na materia.
Que cres que podería mellorar?
Como tiven a oportunidade de transmitir ao comité organizador, estimo que todas as conferencias, ponencias, relatorios e pósters deberían estar centrados exclusivamente na chamada aprendizaxe móbil, pois algúns deles trataron do uso de dispositivos móbiles noutros campos diferentes da aprendizaxe (turismo, uso de programas para creación de apps non educativas, xestión, etc).
Así mesmo, creo que a organización debeu ter proporcionado un programa provisional, cun resumo das intervencións, previos ao proceso de matriculación.
Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Si.
En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Satisfactorio.
Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Animo a todo o profesorado do centro a participar nun proxecto Erasmus+ de mobilidade tan ambicioso como o noso, que se presenta como unha grande oportunidade, quizá irrepetíbel, de formación, internacionalización e mellora da nosa docencia.
O impacto máis inmediato que teñen estas mobilidades é o directo e persoal, tanto en termos de interculturalidade como no ámbito máis estritamente profesional, de mellora das capacidades tecnolóxicas no ámbito de ensino das linguas, e a actualización dos coñecementos e prácticas pedagóxicas, metodolóxicas e docentes. Pero o impacto vai alén do estritamente particular e ten unha transmisión directa para todo o profesorado, o alumnado e a escola no seu conxunto, que se ve beneficiada polo fomento da súa dimensión internacional.