Archivo de la etiqueta: cursos

Máis experiencias de posta en común

Seguimos a celebrar reunións de posta en común dos coñecementos adquiridos nas mobilidades. Nesta ocasión, aprendimos estratexias para levar a cabo a dixitalización da nosa escola dun xeito máis satisfactorio. Foi da man da nosa compañeira Patricia Ares, quen fixo unha mobilidade en Utrecht, nos Países Baixos, hai uns meses. Alí asistiu ao curso «Digital turn: How to make your school more digital». A súa experiencia deunos ideas sobre o emprego de dispositivos móbiles, protocolos de seguridade dixital, escenarios innovadores, e apoio e formación do profesorado.

IMG-7481

Da nosa compañeira Teresa Moralejo aprendimos moito sobre soft skills. Neste caso, ela fixo un curso estruturado en Boloña (Italia) titulado «Soft skills for education staff». A través dela coñecimos estratexias prácticas para mellorar a coordinación de reunións, a xestión de equipos e a resolución de conflitos. Sen dúbida, as súas aportacións vannos ser moi útiles.

IMG-7480

E para rematar, ao noso compañeiro Andrés Temprano contounos a súa experiencia de estadía de observación en Braga (Portugal). Neste caso visitou o Instituto de Letras e Ciencias Humanas da Universidade do Minho, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os modelos de ensino non presencial e familiarizarse coas ferramentas, estratexias e técnicas necesarias para por en marcha un curso nesta modalidade. A mobilidade serviu tamén para reforzar o contacto con esta universidade coa que vimos colaborando dende hai tempo.

Unha vez máis, esta posta en común foi unha sesión enriquecedora e de gran utilidade para o noso centro.

Anuncio publicitario

Paul Herron publica as súas reflexións sobre o curso estruturado «Introducindo a aprendizaxe baseada en proxectos na aula», en Bologna

O profesor de inglés Paul Herron está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Boloña, onde asiste ao curso impartido en inglés “Introducindo a aprendizaxe baseada en proxectos” (Introducing Project Based Learning in the Classroom).

Paul faranos partícipes da súa experiencia Erasmus + mediante o noso vídeo panel Flipgrid Erasmus+ da EOI onde compartirá as súas reflexións dos aspectos do curso que considera máis salientables, facendo especial fincapé na súa aplicación na aula de linguas nas EEOOII.  Como xa se fixo noutras mobilidades, toda a nosa comunidade educativa está invitada a visualizar os seus vídeos onde comparte o seu percorrido diario no curso e de responder a eles mediante os seus propios vídeos.

Animádevos a participar!

Podedes acceder directamente ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón.

Comparte o día a día de Ana Losada no curso estruturado «Os 4 Cs», en Florencia

Dende o 25 de febreiro até o 3 de marzo, a profesora de inglés Ana Losada está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Florencia, onde vai asistir o curso impartido en inglés «Os 4 Cs:  Creatividade, Pensamento Crítico, Comunicación e Colaboración nas escolas».

Ao longo do curso, Ana vai compartir as súas reflexións sobre os contidos impartidos e a súa aplicación na aula mediante vídeos breves (en inglés e en español) en Flipgrid. Así mesmo, invitará os demáis participantes no curso a facer o mesmo. Deste xeito, toda a nosa comunidade educativa pode participar no curso ao seguir o seu día a día e responderlle a ela. Podedes acceder ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón: «The 4 Cs (Florence)»Captura


 

Aprendendo italiano en Florencia (Italia)

Trabajo de grupo2O noso compañeiro Roland Wenzel, do departamento de alemán, tivo a oportunidade de participar nun curso de italiano de nivel básico na bonita cidade italiana de Florencia. Invitámosvos a seguir lendo para coñecer os detalles da súa actividade.

Tipo de mobilidade: Evento formativo
Título da actividade: Curso intensivo de italiano nivel básico
Institución de acollida: Europass
Lugar de celebración: Florencia (Italia)
Duración: 2 semanas

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Foi un curso intensivo de italiano de nivel básico (A1) de dúas semanas de duración. Tivo lugar nunha escola de ensino de italiano no centro de Florencia (Europass, Firenze), que organiza tamén cursos de Erasmus+, didáctica, etc, actividades culturais, sobre arte do renacemento, de cociña italiana, excursións na Toscana…

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
O aspecto máis positivo para min foi o feito de atoparme na situación dun alumno de básico 1 sen coñecementos. Vivir a aprendizaxe dunha lingua descoñecida como principiante absoluto. Ver de preto como un profesor con profesionalidade e personalidade crea un ambiente de confianza, transmite coñecementos a un grupo multicultural de alumnos de disposicións distintas e (case) consegue que en dúas semanas a lingua de comunicación entre os participantes pase do inglés ao italiano. Coñecer xente de diferentes culturas. Vivir inmerso no entorno italiano.

Que cres que podería mellorar?
Non vexo o que podería mellorar.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
É unha experiencia positiva que non esquecerán. Que non o pensen dúas veces. Seguro que a preparación da mobilidade, da viaxe mesma, os vóos, os transportes, etc. serán compensados con creces pola satisfacción de atoparse nun entorno novo e animador que renova a nosa disposición e mellora a nosa preparación para exercer o noso traballo como docentes con maior motivación.

Coñecendo as últimas novidades en Mobile learning en Madeira (Portugal)

mobilelearningO director do centro, Gonzalo Constenla, ven de rematar a súa mobilidade en Madeira (Portugal), un congreso internacional que se converteu nun foro para a presentación e debate das últimas investigacións sobre a aprendizaxe con dispositivos móbiles (ML), e que ilustraron o estado da cuestión en todo o mundo.

Tipo de mobilidade: evento formativo
Título da actividade: XI International Conference on Mobile Learning
Institución de acollida: International Association for Development of the Information Society
Lugar de celebración: Madeira (Portugal)
Duración: 3 días

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Asistín ao XI International Conference on Mobile Learning. No programa do congreso incluíronse 10 ponencias, 11 relatorios, 5 pósters e catro conferencias, autoría de 65 investigadores procedentes de 23 países. Todos estes traballos están recollidos nunhas actas do congreso que se nos proporcionaron a todos os asistentes e que fican a disposición de todo o profesorado que quixer consultalas.

En todas as sesións, e tras as correspondentes presentacións por parte dos relatores, todos os asistentes tivemos a oportunidade de participar en debates sobre cada un dos aspectos tratados, entre eles: a nube e a ML; teorías, modelos e enfoques pedagóxicos para o ML; o ML en e a través de contextos formais e informais; integración do ML en escenarios educativos máis amplos; contexto sociocultural e implicacións para o ML; avaliación do ML; enfoques innovadores en ML ou ferramentas tecnolóxicas e plataformas para o ML.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Como máis positivo destaco a posibilidade de coñecer de primeira mao a situación do uso dos dispositivos móbiles nos procesos de ensino-aprendizaxe en moitos países do mundo. Aínda que o enfoque era eminentemente académico, os relatores proporcionaron datos moi interesantes e actuais sobre o tema, e o contacto directo cos autores permitiu unha participación activa no mesmo e un esclarecimento das dúbidas suscitadas.

Foi tamén positivo ter a oportunidade de dar a coñecer as características das escolas oficiais de idiomas e o uso das novas tecnoloxías que empregamos no noso centro, así como os contactos persoais con profesorado e especialistas na materia.

Que cres que podería mellorar?
Como tiven a oportunidade de transmitir ao comité organizador, estimo que todas as conferencias, ponencias, relatorios e pósters deberían estar centrados exclusivamente na chamada aprendizaxe móbil, pois algúns deles trataron do uso de dispositivos móbiles noutros campos diferentes da aprendizaxe (turismo, uso de programas para creación de apps non educativas, xestión, etc).

Así mesmo, creo que a organización debeu ter proporcionado un programa provisional, cun resumo das intervencións, previos ao proceso de matriculación.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Si.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Animo a todo o profesorado do centro a participar nun proxecto Erasmus+ de mobilidade tan ambicioso como o noso, que se presenta como unha grande oportunidade, quizá irrepetíbel, de formación, internacionalización e mellora da nosa docencia.

O impacto máis inmediato que teñen estas mobilidades é o directo e persoal, tanto en termos de interculturalidade como no ámbito máis estritamente profesional, de mellora das capacidades tecnolóxicas no ámbito de ensino das linguas, e a actualización dos coñecementos e prácticas pedagóxicas, metodolóxicas e docentes. Pero o impacto vai alén do estritamente particular e ten unha transmisión directa para todo o profesorado, o alumnado e a escola no seu conxunto, que se ve beneficiada polo fomento da súa dimensión internacional.

Mellorando as competencias TIC en Sièvres (Francia)

ciepA nosa profesora do departamento de francés, Dolores Patiño, cóntanos a súa experiencia aos poucos días de volver de Sièvres (Francia), onde participou nunha actividade formativa sobre as TIC no ensino de linguas estranxeiras. Velaquí as súas impresións.

Tipo de mobilidade: evento formativo
Título da actividade: Intégrer les TICE dans l’enseignement du FLE: usages et ressources.
Institución de acollida: CIEP (Centre International d’études pédagogiques)
Lugar de celebración: Sièvres (Francia)
Duración: 5 días

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Ofrécense 12 módulos de formación organizados a partir de 4 eixes: ensinar mellor, avaliar mellor, formar mellor, e pilotar mellor.
O módulo no que me inscribín trata de como integrar as tics no ensino do francés como lingua estranxeira.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?

  • Introdución á « clase inversa » e á elaboración de materiais para este tipo de ensino que consiste en invertir o proceder da clase tradicional : o alumnado dispón de materiais dos que se serve para aprender a teoría na casa;  na aula o traballo consiste sobre todo na  aplicación de esas nocións teóricas. Ferramentas usadas: Pow Toon, Audacity.
  • Integración das TICS nas diferentes etapas de explotación dos documentos auténticos. Ferramentas usadas: TBI, Google docs, Framasoft, Podcast, Twitter, Facebook, WhatsApp.
  • Ferramentas para crear un Entorno Personal de Aprendizaxe: almacenar e organizar fontes de información según os nosos intereses. Ferramentas: Widget, Icerocket, Netvibes, Ustart, Evernote, Scoop it.
  • O intercambio de boas prácticas con docentes de FLE de todo o mundo.

Que cres que podería mellorar?
– Que se puidese dispoñer do programa detallado de cada módulo con mais antelación.
– Que se deixara máis tempo para practicar cas ferramentas propostas.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Si.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?

Erasmus + é un proxecto cheo de posibilidades que debemos aproveitar para mellorar a calidade do ensino na nosa Escola, para integrar melloras na aprendizaxe do noso alumnado, e para dar unha dimensión internacional ao noso traballo de ensino-aprendizaxe.

Considero que a nosa Escola usa en este momento as TICS de xeito xeneralizado e innovador. Daquela, a miña proposta é de atopar proxectos que desenvolvan unha didáctica non centrada exclusivamente nas novas tecnoloxías.