Archivo de la etiqueta: convocatoria

Traballando na medición do impacto do noso proxecto

A semana pasada reunímonos no Equipo de dinamización de programas europeos do centro cun dobre propósito:

1º) establecer as medidas e instrumentos de avaliación de resultados e medición do impacto do noso proxecto en curso.

2º) sentar as bases para a solicitude dun novo proxecto de mobilidade de profesorado de adultos KA104.

Reuin-Impacto2

No primeiro caso, fixemos un traballo moi interesante de reflexión acerca dos obxectivos que propoñíamos no comezo do proxecto e os logros que ata o momento temos acadado. Para iso traballamos primeiro en grupiños pequenos e despois fixemos unha posta en común. Resultounos moi útil a ferramenta Impact+ que propón a axencia nacional do Reino Unido. O seu uso é totalmente recomendable; ademáis hai unha versión dos materiais dispoñible en español.

impactplus

Doutra banda, comezamos tamén a tomar decisións para redactar a solicitude dun novo proxecto de mobilidade para a formación do profesorado de persoas adultas (KA104) na convocatoria 2020, publicada recentemente polo SEPIE. Estamos moi ilusionados coas ideas que xurdiron nesta xuntanza e moi pronto poñerémonos mans á obra!

Anuncio publicitario

Convocatoria de axudas Erasmus+ para a mobilidade do profesorado (2ª quenda)

Global EducationA partir do vindeiro mes, ábrese de novo o prazo para solicitar axudas para a mobilidade do profesorado dentro do programa Erasmus+ na segunda quenda.

Lembrade que a convocatoria vai dirixida a todo o profesorado do centro, independentemente da súa situación administrativa, e contempla dous tipos de mobilidade:

  • actividades e eventos de formación
  • estadías en institucións para a observación de contextos docentes e profesionais

O prazo de solicitude desta segunda quenda é do 1 ao 31 de marzo, para mobilidades que se realicen entre maio e setembro de 2015.

A Comisión Europea acaba de poñer en marcha a web SchoolEducationGateway, na que podedes atopar un buscador de cursos e un buscador de institucións para visitar.

Como xa sabedes, algúns dos nosos compañeiros xa marcharon ou están a piques de marchar a Francia, Estonia, Portugal, Reino Unido e Turquía. Pronto veredes as súas experiencias contadas por eles mesmos neste blog do Erasmus+ da EOI.

Para todos aqueles interesados nestas mobilidades, haberá unha reunión informativa o vindeiro mércores 11 de marzo ás 12 horas no salón de actos, na que resolveremos todas as vosas dúbidas e darémosvos algunhas indicacións sobre como encher o formulario de solicitude, a documentación que teredes que entregar, etc.

Lembrade que as mobilidades non só se reducen a actividades na lingua que impartides nos países correspondentes. Máis ben ao contrario, o obxectivo de internacionalizar a nosa institución cúmplese entrando en contacto con profesorado doutros países. Tampouco é requisito falar a lingua do país que se visita, só a lingua na que se desenvolve a actividade.

Non o pensedes máis e aproveitade esta oportunidade inigualable!!!

Publicada a resolución definitiva de axudas

noticeboardA partir de hoxe pódese consultar no taboleiro da sala de persoal a resolución definitiva de axudas para a mobilidade do profesorado dentro do programa Erasmus+. Parabéns a todos os participantes.

Dende aquí animamos ao resto do profesorado a buscar actividades formativas ou institucións para visitar de cara á segunda quenda da convocatoria que abrirá o prazo de solicitude no mes de marzo.

Ánimo!!

Publicada a resolución provisional de axudas para a mobilidade do profesorado

ListaA partir de hoxe pódese consultar no taboleiro da sala de persoal a resolución provisional de axudas para a mobilidade do profesorado dentro do programa Erasmus+.

Contra esta resolución os interesados poderán, no prazo de sete días naturais a partir do seguinte ao da súa publicación, presentar reclamación ou emendar o defecto que teña motivado a súa exclusión, de acordo co establecido no punto 8.2. da convocatoria. No mesmo prazo, poderán tamén presentar renuncia á súa participación no presente procedemento.

Polo momento, son sete os primeiros dos nosos compañeiros que ampliarán a súa formación no Reino Unido, Francia, Estonia, Turquía e Portugal, en estadías profesionais, congresos sobre o ensino do inglés como LE e mobile-learning e cursos sobre materiais auténticos e metodoloxía.

Animamos a todo o persoal docente do centro a ir pensando para a segunda quenda en eventos formativos e institucións que visitar por Europa adiante!!!

Convocatoria de axudas para a mobilidade do profesorado

golden globe isolated on white backgroundXa está aberto o prazo para solicitar axudas para a mobilidade do profesorado dentro do programa Erasmus+.

A modo de resumo, a convocatoria vai dirixida a todo o profesorado do centro, independentemente da súa situación administrativa, e contempla dous tipos de mobilidade:

  • actividades e eventos de formación
  • estadías en institucións para a observación de contextos docentes e profesionais

O prazo de solicitude da primeira quenda é do 1 ao 24 de novembro de 2014. Haberá unha segunda quenda máis adiante.

Lembrámosvos que as mobilidades non só se reducen a actividades na lingua que impartides nos países correspondentes. Máis ben o contrario, o obxectivo de internacionalizar a nosa institución cúmprese entrando en contacto con profesorado doutros países. Tampouco é requisito falar a lingua do país que se visita.

Ficheiros que vos resultarán de utilidade:
Convocatoria – PDF
Anexo III Formulario de solicitude – PDF
Calculadora de orzamento – Excel
Plan de desenvolvemento europeo do centro – PDF

Para calquera dúbida ou pregunta que teñades sobre a convocatoria, por favor consultade coa vicedirección.

ANIMÁDEVOS A SOLICITAR UNHA!