Historia

Logo Erasmus+En decembro de 2013 a Unión Europea publica a convocatoria de propostas do Programa Erasmus+ 2014-2020 de educación, formación, xuventude e deporte.

A convocatoria abarca diversas posibles accións:

  • Acción clave 1 – Mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe
  • Acción clave 2 – Cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas
  • Acción clave 3 – Apoio á reforma das políticas
  • Accións Jean Monnet
  • Deporte

Esta convocatoria é para a EOI de Santiago de Compostela (que xa participara anteriormente en proxectos europeos, tanto asociacións Grundtvig, como visitas de estudo e participación e cursos de formación continua de profesorado) unha moi boa oportunidade para mellorar a formación do persoal docente e impulsar a proxección internacional do centro.

Neste sentido, o informe conxunto do Consello e a Comisión Europea de marzo de 2012 sobre a aplicación do marco estratéxico no campo da educación e a formación (ET 2020) destaca a mobilidade como un dos ámbitos prioritarios de traballo para este período. De feito, a consideración da mobilidade profesional coma un compoñente central dos programas de formación docente, atópase entre os principios comúns formulados pola Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea sobre as competencias e cualificacións do profesorado.

Por iso, en marzo de 2014 presenta o proxecto chamado ‘Impulso á cohesión europea dende o plurilingüismo’, que inclúe o novo Plan de desenvolvemento europeo do centro e a solicitude de mobilidades de persoal de educación de persoas adultas dentro da acción clave 1 nun período de dous anos.

En xuño dese mesmo ano, publícase a resolución das axudas da Axencia Nacional dentro do programa Erasmus+, na que a EOI recibe unha axuda de 99.000 € para a realizaciónd e 45 mobilidades.

Na EOI de Santiago de Compostela estamos moi ilusionados con este proxecto, que supón un gran reto que prevemos terá un enorme impacto positivo na calidade da formación, avaliación e certificación de idiomas que ofrecemos no centro, así como na consideración social da aprendizaxe ao longo de toda a vida e a percepción da dimensión europea da nosa xa centenaria institución.

Anuncio publicitario