O Plan de Desenvolvemento Europeo (PDE) para a mobilidade do persoal docente recibe a segunda máxima asignación económica de todos os proxectos seleccionados en todo o Estado na Acción KA-104
Con este proxecto, a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela logra financiamento nesta modalidade na totalidade dos seis anos de vixencia do Programa Erasmus+ da Unión Europea
As EOI de Santiago de Compostela e de Vigo son as únicas institucións galegas que acadan o financiamento dentro da modalidade en que participaban, a de mobilidade do persoal de educación de adultos. 
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018.- A Axencia Nacional Erasmus+ vén de facer públicas as listaxes de solicitudes aprobadas, rexeitadas e en listaxe de agarda dos Proxectos de Mobilidade da Acción Chave KA104 (sector Educación de Persoas Adultas) correspondentes á Convocatoria de Propostas do Programa Erasmus+ da Unión Europea.
A esta convocatoria, a EOI de Santiago (como outras organizacións e institucións, públicas e privadas, relacionadas co sector da educación de persoas adultas: CEPAs, IES, equipos de orientación, asociacións e organizacións, centros de formación do profesorado, universidades, etc, de todo o Estado) presentou un PDE (Plano de de Desenvolvemento Europeo) en consoancia cos obxectivos do Marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e a formación en catro ámbitos que consideramos prioritarios: a mediación lingüística e cultural, a avaliación, a inclusión, a calidade e a xestión e a innovación en metodoloxía. O proxecto, que leva por título “Facendo realidade a escola do futuro: innovación, inclusión e calidade” consegue agora un financiamento de 29.748 €, o de segunda máxima dotación de entre os de todo o Estado na súa modalidade.
O proxecto aprobado prevé un total de 15 mobilidades do persoal docente con fins de formación entre setembro de 2018 e agosto de 2020 para a participación do profesorado en cursos estruturados e eventos de formación en Chipre, Eslovenia, Francia, Grecia, Italia, Noruega, Reino Unido e Suecia.
En liña cos obxectivos estratéxicos de Europa 2020 a respecto da educación de persoas adultas, o plano de mobilidade abranguerá 7 puntos chave: promover a aprendizaxe permanente de persoas adultas, aprendizaxe de linguas estranxeiras, fomento da competencia lingüística nos idiomas oficiais e cooficiais dos Estados membro, excelencia na educación, uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no ensino-aprendizaxe, adaptación ao mercado laboral e, por último, certificación das competencias lingüísticas.
Ademais, o desenvolvemento do proxecto contribuirá decisivamente á correcta implantación dos novos plans de estudos que entrarán en vigor no próximo ano lectivo 2018/2019, moi especialmente no desenvolvemento e aplicación de puntos chaves dos novos currículos como a mediación lingüística e cultural, as necesidades educativas especiais e a avaliación e certificación.
Os obxectivos de aprendizaxe marcados para cada campo prevén un efecto e impacto inmediatos na competencia dos aprendices de lingua do noso centro, no proceso de ensinanza así como na estandarización dos procedementos de avaliación e certificación. Ademais, permitirá introducir novos estándares e procesos de validación como o Europass, ofrecerá ao profesorado a oportunidade de desenvolver as súas habilidades e destrezas de xestión e, a longo prazo, reforzará o fomento do plurilingüismo entre a cidadanía, así como o respecto pola diversidade cultural e lingüística de Europa.
Este proxecto dará continuidade ao actual, tamén financiado pola UE, que deu comezo en 2016 e rematará neste ano 2018.