Juan Lago, profesor de inglés do noso centro, asistiu a un evento de formación moi satisfactorio. Esta mobilidade permitiulle aprender de grandes nomes do ensino do inglés como lingua estranxeira, e de colegas todo tipo de centros por toda Europa.
Tipo de mobilidade: Evento formativo
Institución de acollida: Pilgrims. Universidade de Kent
Lugar de celebración: Canterbury (Reino Unido)
Duración: Dúas semanas
Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Asistín a un curso dirixido a formadores/as de profesorado, titulado «How to be a teacher trainer». Tivemos varios/as formadores/as e docentes tanto nas plenarias como nos obradoiros. A docente que impartiu a maior parte das nosas sesións de grupo foi unha profesora universitaria que ten máis de trinta anos de experiencia en formar a profesorado e organizar sesións de formación para docentes de diferentes niveis: cursos presenciais, xornadas, seminarios, congresos internacionais e tamén formación en liña e semi-presencial. Durante as dúas semanas que durou o curso aprendemos a organizar sesións de formación, a levar a cabo observacións e programacións de aula, simulacros de clases de diferentes niveis, a clase invertida, técnicas de avaliación entre iguais, sesións para dar e analizar o feedback recibido, análise das necesidades reais do alumnado e do profesorado. Practicamos tamén outras técnicas docentes e de agrupamentos, e integramos os principios básicos da neurolingüística na aula: input multisensorial (VAKOG), sesións de coaching e familiarización coas novas tendencias no ensino e aprendizaxe de linguas, sempre dende un enfoque comunicativo e humanista.
Cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?
- A formación en grupo e as diversas técnicas de traballo e agrupamentos de aula.
- A análise das necesidades e atención á diversidade, tanto dende un punto de vista funcional como cognitivo: a inclusión e as diversas necesidades especiais.
- Varios obradoiros con formadores e autores coñecidos tales como Mario Rinvolucri e Peter Dyer.
- As sesións para monitorizar as diferentes clases e estratexias de traballo.
- A análise dos diferentes enfoques no ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras.
- Deseñar, aplicar e avaliar diferentes tipos de observación de aula.
- Preparar, aplicar e avaliar diferentes sesións de formación.
- Traballar coa voz, coa linguaxe corporal e coa postura.
- Aprender e aplicar elementos da neurolingüística na docencia.
- O enfoque humanista no ensino de linguas.
Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Foi unha experiencia excepcional. Puiden aprender e traballar con novos conceptos e enfoques, tanto a nivel individual como en grupo, sobre o ensino de linguas e a diversidade, tan presente nas aulas de idiomas. Tiven a ocasión de compartir experiencias de aula con profesorado doutros países que están a ensinar linguas en diferentes niveis: primaria, secundaria, educación de adultos e universidade. Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que me axudará na miña práctica diaria. Igualmente, tiven a sorte de asistir a varios obradoiros optativos con coñecidos formadores e autores de libros de referencia no ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras: Alan Maley, Mario Rinvolucri…
Que cres que podería mellorar?
Tivemos que asimilar e practicar moitas novas técnicas e estratexias, penso que o curso podería estar estruturado en tres semanas, así teríamos máis tempo para facer máis prácticas de aula, de organización de sesións de formación, de observacións e de sesións de análise do feedback recibido.
Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto.
En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.
Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Que é unha oportunidade moi boa para compartir experiencias e aprender doutros profesionais: de diversos niveis e de diferentes países. É tamén unha oportunidade moi boa para familiarizarse coa realidade docente e de ensino-aprendizaxe noutros contextos multiculturais e multilingües.