Archivo del Autor: Escola oficial de idiomas de Santiago de Compostela

Acerca de Escola oficial de idiomas de Santiago de Compostela

Centro público especializado no ensino de linguas: alemán, español, francés, galego, inglés, italiano e portugués.

Como está a afectar a pandemia ao noso proxecto?

Quen nos ía dicir hai un ano que íamos vivir todo o que temos vivido? Desgraciadamente as restricións á mobilidade provocadas pola COVID-19 supuxeron un parón no que respecta ao noso proxecto Erasmus Plus. O aspecto positivo é que o SEPIE nos concediu unha prórroga de 12 meses para poder completar o proxecto e acadar así os obxectivos marcados. A día de hoxe hai tres mobilidades pendentes de realizar:

  • 1 curso estruturado sobre inclusión en Chipre
  • 1 curso estruturado sobre alumnado con necesidades especiais no Reino Unido
  • 1 curso estruturado sobre innovación metodolóxica en Francia

Esperamos que a implantación do pasaporte europeo de vacinación e a mellora da situación sanitaria en España e Europa nos permita realizar estas actividades de formación antes do remate do mes de agosto. Estamos a buscar alternativas para substituir aquelas actividades que foron suspendidas ou que xa non se ofertan en datas compatibles.

Polo momento, durante estes meses seguimos a poñer en práctica nas nosas aulas (dentro das limitacións que nos impón a distancia social) todos os coñecementos adquiridos nas actividades xa realizadas. Grazas ás plataformas de videoconferencia, estamos a formarnos e compartir boas prácticas máis ca nunca.

Así, miramos cara o futuro con optimismo, desexando recuperar a vella normalidade para seguir tecendo lazos profesionais e culturais con institucións educativas europeas, enriquecendo o noso xeito de achegarnos ás linguas estranxeiras.

Anuncio publicitario

Traballando na medición do impacto do noso proxecto

A semana pasada reunímonos no Equipo de dinamización de programas europeos do centro cun dobre propósito:

1º) establecer as medidas e instrumentos de avaliación de resultados e medición do impacto do noso proxecto en curso.

2º) sentar as bases para a solicitude dun novo proxecto de mobilidade de profesorado de adultos KA104.

Reuin-Impacto2

No primeiro caso, fixemos un traballo moi interesante de reflexión acerca dos obxectivos que propoñíamos no comezo do proxecto e os logros que ata o momento temos acadado. Para iso traballamos primeiro en grupiños pequenos e despois fixemos unha posta en común. Resultounos moi útil a ferramenta Impact+ que propón a axencia nacional do Reino Unido. O seu uso é totalmente recomendable; ademáis hai unha versión dos materiais dispoñible en español.

impactplus

Doutra banda, comezamos tamén a tomar decisións para redactar a solicitude dun novo proxecto de mobilidade para a formación do profesorado de persoas adultas (KA104) na convocatoria 2020, publicada recentemente polo SEPIE. Estamos moi ilusionados coas ideas que xurdiron nesta xuntanza e moi pronto poñerémonos mans á obra!

Máis experiencias de posta en común

Seguimos a celebrar reunións de posta en común dos coñecementos adquiridos nas mobilidades. Nesta ocasión, aprendimos estratexias para levar a cabo a dixitalización da nosa escola dun xeito máis satisfactorio. Foi da man da nosa compañeira Patricia Ares, quen fixo unha mobilidade en Utrecht, nos Países Baixos, hai uns meses. Alí asistiu ao curso «Digital turn: How to make your school more digital». A súa experiencia deunos ideas sobre o emprego de dispositivos móbiles, protocolos de seguridade dixital, escenarios innovadores, e apoio e formación do profesorado.

IMG-7481

Da nosa compañeira Teresa Moralejo aprendimos moito sobre soft skills. Neste caso, ela fixo un curso estruturado en Boloña (Italia) titulado «Soft skills for education staff». A través dela coñecimos estratexias prácticas para mellorar a coordinación de reunións, a xestión de equipos e a resolución de conflitos. Sen dúbida, as súas aportacións vannos ser moi útiles.

IMG-7480

E para rematar, ao noso compañeiro Andrés Temprano contounos a súa experiencia de estadía de observación en Braga (Portugal). Neste caso visitou o Instituto de Letras e Ciencias Humanas da Universidade do Minho, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os modelos de ensino non presencial e familiarizarse coas ferramentas, estratexias e técnicas necesarias para por en marcha un curso nesta modalidade. A mobilidade serviu tamén para reforzar o contacto con esta universidade coa que vimos colaborando dende hai tempo.

Unha vez máis, esta posta en común foi unha sesión enriquecedora e de gran utilidade para o noso centro.

Paul Herron publica as súas reflexións sobre o curso estruturado «Introducindo a aprendizaxe baseada en proxectos na aula», en Bologna

O profesor de inglés Paul Herron está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Boloña, onde asiste ao curso impartido en inglés “Introducindo a aprendizaxe baseada en proxectos” (Introducing Project Based Learning in the Classroom).

Paul faranos partícipes da súa experiencia Erasmus + mediante o noso vídeo panel Flipgrid Erasmus+ da EOI onde compartirá as súas reflexións dos aspectos do curso que considera máis salientables, facendo especial fincapé na súa aplicación na aula de linguas nas EEOOII.  Como xa se fixo noutras mobilidades, toda a nosa comunidade educativa está invitada a visualizar os seus vídeos onde comparte o seu percorrido diario no curso e de responder a eles mediante os seus propios vídeos.

Animádevos a participar!

Podedes acceder directamente ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón.

Carla Dechant comparte as súas reflexións in situ no curso estruturado “A aprendizaxe baseada no xogo e a Gamificación”, en Praga

Dende o 18 até o 22 de marzo, a profesora de inglés Carla Dechant está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Praga, onde asiste ao curso impartido en inglés “A aprendizaxe baseada no xogo e a gamificación” (Game-Based Learning and Gamification)

Cada día, Carla vai compartir as súas reflexións sobre os aspectos máis salientables dos contidos do curso e á súa aplicación na aula de linguas.  Isto farano mediante vídeos breves no Flipgrid Erasmus+ da EOI que recolle algunhas das experiencias dos nosos profesores participantes no programa Erasmus +  Así mesmo, Carla animará a toda a comunidade educativa a que participemos e sigamos o seu día a día visualizando os seus vídeos e respondendo mediante as nosas propias video-respostas.

Podedes acceder directamente ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón o na imaxe abaixo. 

Comparte o día a día de Ana Losada no curso estruturado «Os 4 Cs», en Florencia

Dende o 25 de febreiro até o 3 de marzo, a profesora de inglés Ana Losada está a realizar a súa mobilidade Erasmus+ en Florencia, onde vai asistir o curso impartido en inglés «Os 4 Cs:  Creatividade, Pensamento Crítico, Comunicación e Colaboración nas escolas».

Ao longo do curso, Ana vai compartir as súas reflexións sobre os contidos impartidos e a súa aplicación na aula mediante vídeos breves (en inglés e en español) en Flipgrid. Así mesmo, invitará os demáis participantes no curso a facer o mesmo. Deste xeito, toda a nosa comunidade educativa pode participar no curso ao seguir o seu día a día e responderlle a ela. Podedes acceder ao seu vídeo diario premendo nesta ligazón: «The 4 Cs (Florence)»Captura


 

Afondando nas destrezas de mediación lingüística en Atenas (Grecia)

Comezamos co relato das mobilidades do noso novo proxecto Erasmus+ KA1. O pasado mes de outubro 7 profesores da nosa EOI asistiron a un evento formativo en Grecia sobre a mediación lingüística.

Francisco Pose (alemán), Laurence Guillas e Stéphane Moens (francés), Juan Lago, Teresa Moralejo e Cristina Rodríguez (inglés) e María Cristina González (italiano) aterraron no Centro Lingüístico para o Ensino e a Avaliación de Idiomas da Universidade Nacional e Kapodostriaca de Atenas para afondar nas destrezas de mediación oral e escrita recollidas nos novos currículos e no Companion Volume do Marco europeo de referencia para as linguas.

Unha gran experiencia sen dúbida!!

Podedes coñecer todos os detalles desta mobilidade nesta presentación premendo nos botóns á dereita da mesma.

Coñecendo as novidades sobre os exames e a avaliación de linguas.

Cristina Rodríguez, xefa do Departamento de Inglés da nosa EOI e especialista en exames e avaliación, asistiu a un proveitoso congreso en Alemaña.

Tipo de mobilidade: Evento formativo
Institución de acollida: EALTA (European Association for Language Testing and Assessment)
Lugar de celebración: Bochum (Alemaña)
Duración: 6 días

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Asistín ao congreso que a asociación europea sobre a avaliación e os exames de linguas (EALTA) organizou en Alemaña. Nestes seis días puiden participar nun obradoiro sobre o uso de estatística Rasch nos exames de idiomas, asistir e presentar nunha reunión do grupo de interese sobre o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MECR), e observar moitas presentacións sobre as últimas novidades na avaliación de linguas.

Cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?
Todo foi moi proveitoso para o meu traballo, pero quizás os contidos máis relevantes nestes momentos serían os que tiveron que ver coa publicación do Companion Volume do MECR, proxecto no que participou profesorado da EOI de Santiago. Os novos descritores do CV están moi relacionados cos novos currículos da EOI en España, e as presentacións no grupo de interese sobre esta tema foron de especial interese para min.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Todo foi positivo! Ter o luxo de escoitar e aprender de expertos nas áreas que son de tanta importancia para o profesorado de EOI é unha experiencia moi valiosa.

Que cres que podería mellorar?
O profesorado do obradoiro sobre estatística Rasch era excelente, pero se necesitaría máis tempo para realmente aprender a manexar ben o programa.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por supuesto!

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Que é moi motivador estar conectado coas persoas que investigan sobre o noso campo de traballo, e estar o tanto dos avances e novidades para poder incorporalos ás aulas. Animaría a todo o mundo a asistir a congresos sobre o ensino e a avaliación de linguas.

congreso EALTA Alemaña

Formación en novas tecnoloxías en Praga

Patricia Castro voltou da súa mobilidade en Praga con varias ideas de como aplicar as TIC ás aulas de idiomas.

Tipo de mobilidade: Evento formativo.
Institución de acollida: ICT International TEFL Certificate Erasmus+
Lugar de celebración: Praga, República Checa
Duración: 5 días

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Foi un curso de 5 días no que aprendimos a utilizar as novas tecnoloxías aplicadas ao ensino de idiomas.

Cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?

Aplicaciones en Internet como edpuzzle para facer exercicios de listening nas nosas clases, e tamén aprendimos a facer páxinas web de utilidade para os nosos alumnos.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia? 

O curso mesmo de novas tecnoloxías, tamén coñecemos a moita xente de outros países e compartimos experiencias.

Que cres que podería mellorar?

Todo estivo moi ben. O único mellorable foi unha sesión de coding, e non lle vín moita aplicación ás nosas clases de linguas.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?

Por suposto.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?

Moi satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?

E unha oportunidade única de coñecer outras maneiras de facer ensinanzas de linguas, de aprender doutros compañeiros doutros países europeos, de publicitar a nosa Escola de Santiago, de traer coñecementos novos á nosa escola.

bridges-3337124_1920

Unha ollada humanista á formación de formadores en Canterbury

Juan Lago, profesor de inglés do noso centro, asistiu a un evento de formación moi satisfactorio. Esta mobilidade permitiulle aprender de grandes nomes do ensino do inglés como lingua estranxeira, e de colegas todo tipo de centros por toda Europa.

Tipo de mobilidade: Evento formativo
Institución de acollida: Pilgrims. Universidade de Kent
Lugar de celebración: Canterbury (Reino Unido)
Duración:  Dúas semanas

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Asistín a un curso dirixido a formadores/as de profesorado, titulado «How to be a teacher trainer». Tivemos varios/as formadores/as e docentes tanto nas plenarias como nos obradoiros. A docente que impartiu a maior parte das nosas sesións de grupo foi unha profesora universitaria que ten máis de trinta anos de experiencia en formar a profesorado e organizar sesións de formación para docentes de diferentes niveis: cursos presenciais, xornadas, seminarios, congresos internacionais e tamén formación en liña e semi-presencial. Durante as dúas semanas que durou o curso aprendemos a organizar sesións de formación, a levar a cabo observacións e programacións de aula, simulacros de clases de diferentes niveis, a clase invertida, técnicas de avaliación entre iguais, sesións para dar e analizar o feedback recibido, análise das necesidades reais do alumnado e do profesorado. Practicamos tamén outras técnicas docentes e de agrupamentos, e integramos os principios básicos da neurolingüística na aula: input multisensorial (VAKOG), sesións de coaching e familiarización coas novas tendencias no ensino e aprendizaxe de linguas, sempre dende un enfoque comunicativo e humanista.

Cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?

  • A formación en grupo e as diversas técnicas de traballo e agrupamentos de aula.
  • A análise das necesidades e atención á diversidade, tanto dende un punto de vista funcional como cognitivo: a inclusión e as diversas necesidades especiais.
  • Varios obradoiros con formadores e autores coñecidos tales como Mario Rinvolucri e Peter Dyer.
  • As sesións para monitorizar as diferentes clases e estratexias de traballo.
  • A análise dos diferentes enfoques no ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras.
  • Deseñar, aplicar e avaliar diferentes tipos de observación de aula.
  • Preparar, aplicar e avaliar diferentes sesións de formación.
  • Traballar coa voz, coa linguaxe corporal e coa postura.
  • Aprender e aplicar elementos da neurolingüística na docencia.
  • O enfoque humanista no ensino de linguas.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Foi unha experiencia excepcional. Puiden aprender e traballar con novos conceptos e enfoques, tanto a nivel individual como en grupo, sobre o ensino de linguas e a diversidade, tan presente nas aulas de idiomas. Tiven a ocasión de compartir experiencias de aula con profesorado doutros países que están a ensinar linguas en diferentes niveis: primaria, secundaria, educación de adultos e universidade. Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que me axudará na miña práctica diaria. Igualmente, tiven a sorte de asistir a varios obradoiros optativos con coñecidos formadores e autores de libros de referencia no ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras: Alan Maley, Mario Rinvolucri…

Que cres que podería mellorar?

Tivemos que asimilar e practicar moitas novas técnicas e estratexias, penso que o curso podería estar estruturado en tres semanas, así teríamos máis tempo para facer máis prácticas de aula, de organización de sesións de formación, de observacións e de sesións de análise do feedback recibido.

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Que é unha oportunidade moi boa para compartir experiencias e aprender doutros profesionais: de diversos niveis e de diferentes países. É tamén unha oportunidade moi boa para familiarizarse coa realidade docente e de ensino-aprendizaxe noutros contextos multiculturais e multilingües.