Como está a afectar a pandemia ao noso proxecto?

Quen nos ía dicir hai un ano que íamos vivir todo o que temos vivido? Desgraciadamente as restricións á mobilidade provocadas pola COVID-19 supuxeron un parón no que respecta ao noso proxecto Erasmus Plus. O aspecto positivo é que o SEPIE nos concediu unha prórroga de 12 meses para poder completar o proxecto e acadar así os obxectivos marcados. A día de hoxe hai tres mobilidades pendentes de realizar:

  • 1 curso estruturado sobre inclusión en Chipre
  • 1 curso estruturado sobre alumnado con necesidades especiais no Reino Unido
  • 1 curso estruturado sobre innovación metodolóxica en Francia

Esperamos que a implantación do pasaporte europeo de vacinación e a mellora da situación sanitaria en España e Europa nos permita realizar estas actividades de formación antes do remate do mes de agosto. Estamos a buscar alternativas para substituir aquelas actividades que foron suspendidas ou que xa non se ofertan en datas compatibles.

Polo momento, durante estes meses seguimos a poñer en práctica nas nosas aulas (dentro das limitacións que nos impón a distancia social) todos os coñecementos adquiridos nas actividades xa realizadas. Grazas ás plataformas de videoconferencia, estamos a formarnos e compartir boas prácticas máis ca nunca.

Así, miramos cara o futuro con optimismo, desexando recuperar a vella normalidade para seguir tecendo lazos profesionais e culturais con institucións educativas europeas, enriquecendo o noso xeito de achegarnos ás linguas estranxeiras.

Anuncio publicitario