Seguimos a celebrar reunións de posta en común dos coñecementos adquiridos nas mobilidades. Nesta ocasión, aprendimos estratexias para levar a cabo a dixitalización da nosa escola dun xeito máis satisfactorio. Foi da man da nosa compañeira Patricia Ares, quen fixo unha mobilidade en Utrecht, nos Países Baixos, hai uns meses. Alí asistiu ao curso «Digital turn: How to make your school more digital». A súa experiencia deunos ideas sobre o emprego de dispositivos móbiles, protocolos de seguridade dixital, escenarios innovadores, e apoio e formación do profesorado.
Da nosa compañeira Teresa Moralejo aprendimos moito sobre soft skills. Neste caso, ela fixo un curso estruturado en Boloña (Italia) titulado «Soft skills for education staff». A través dela coñecimos estratexias prácticas para mellorar a coordinación de reunións, a xestión de equipos e a resolución de conflitos. Sen dúbida, as súas aportacións vannos ser moi útiles.
E para rematar, ao noso compañeiro Andrés Temprano contounos a súa experiencia de estadía de observación en Braga (Portugal). Neste caso visitou o Instituto de Letras e Ciencias Humanas da Universidade do Minho, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os modelos de ensino non presencial e familiarizarse coas ferramentas, estratexias e técnicas necesarias para por en marcha un curso nesta modalidade. A mobilidade serviu tamén para reforzar o contacto con esta universidade coa que vimos colaborando dende hai tempo.
Unha vez máis, esta posta en común foi unha sesión enriquecedora e de gran utilidade para o noso centro.