Unha das liñas principais do noso proxecto Erasmus+ é o da mellora e calidade continúa do centro, daí que, sobre todo as persoas que desenvolven algún cargo directivo se interesen polo funcionamento doutros sistemas educativos europeos e dos seus centros de ensino. Eís o caso desta mobilidade en que o profesor de inglés e director do centro, Gonzalo Constenla, viaxou a Islandia para coñecer en profundidade o caso islandés, de grande renome pola súa innovación e resultados.
Tipo de mobilidade: Evento formativo
Institución de acollida: English Matters
Lugar de celebración: Reiquiavique (Islandia)
Duración: 6 días
Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Aínda que formalmente era un curso estruturado, realmente a mobilidade foi unha visita de estudos sobre o sistema educativo islandés, con observacións directas de centros educativos, unha serie de conferencias sobre o contexto histórico e cultural e os denominados «proxectos de campo» en diferentes localizacións histórico-culturais.
Cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?
Por esta orde, o sistema educativo islandés e o seu contexto histórico-cultural, o desenvolvemento curricular nos centros de ensino, a dirección escolar e o ensino das linguas estranxeiras.
Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
En primeiro lugar, foi moi ilustrativo coñecer as bases sobre as que se asenta o sistema educativo islandés, moi innovadoras e adaptadas aos tempos presentes e futuros. A seguir situaría as visitas e observacións aos centros de diferentes niveis educativos, cun contacto directo coas direccións, o profesorado e o alumnado, onde puidemos comprobar que a «teoría» do currículo se desenvolvía e melloraba, cunha grande marxe de autonomía. Por último, e aínda que non era o motivo central do curso, puidemos comprobar como o ensino das linguas estranxeiras, particularmente o inglés, dista moito do que se produce no noso contexto, debido fundamentalmente ao case total dominio comunicativo do mesmo por parte do alumnado.
Que cres que podería mellorar?
A pesar da organización ter feito un bo esforzo por distribuír aos participantes en centros das súas características, botei en falta a visita a máis centros específicos de ensinanzas para adultos (unha das tres realizadas por min), se ben é certo que os outros dous foron de post-secundaria (idades de 16 a 19) e formación profesional (maioritariamente adultos).
Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Si.
En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio.
Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Solicitar unha mobilidade pode semellar unha tarea complexa. Porén, xa teño por dúas veces comprobado que é máis doado do que parece, sempre hai persoas no centro dispostas a botarche unha man, e que a experiencia supera con creces os esforzos persoais da solicitude. Unha mobilidade aporta máis que unha viaxe ao estranxeiro: enriquece a nivel de contidos didácticos, contribúe a expandir a túa rede de contactos e deste xeito aprendes sobre outros sistemas educativos e intercambias boas prácticas.